A Xbox despide o ano con rebaixas

venres, 22 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Microsoft continúa coas súas ofertas de Nadal, e para rematar ben o ano celebran dende hoxe e até o día 31 unha conta atrás para o Aninovo na que os xogos descargables de Xbox One e Xbox 360 teñen descontos de até o 65%, que en moitos casos pode completarse cun desconto adicional de até o 10% para subscritores Gold. Amais, estes descontos coinciden cunha promoción na que durante estas datas permiten contratar Xbox LIVE Gold ou o servizo Xbox Game Pass por só 1 euro o primeiro mes, o que é unha oportunidade magnífica para probar se interesa a contratación destes servizos que permite respectivamente xogar en liña e gozar dun catálogo variable de máis dun cento de xogos.
Dentro da conta atrás para o remate do ano haberá un xogo cunha rebaixa especial cada día, que hoxe consiste no Halo Wars 2 a 16 euros (cando o seu prezo oficial é 39,99 euros). Outras ofertas salientables serían The Witcher 3: Wild Hunt a 15 euros, Forza Motorsport 7 a 42,24 euros e Cuphead a 16,99 euros, destacando este último por ser a primeira vez que rebaixa o seu prezo en Xbox One (pois estamos ante un título moi recente, de desenvolvemento independente e que está a ser recoñecido como un dos mellores xogos do ano).

PUBLICIDADE