A Xunta adquirirá medio cento de robots para axudar en tarefas de tramitación

xoves, 2 de decembro do 2021 S. P.

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, informou da vindeira compra de ata 50 robots para realizar “as tarefas máis rutineiras da tramitación administrativa para liberar aos empregados públicos deses cometidos”. Segundo engadiu, investiranse preto de 8 M€ nunha plataforma de automatización dotada con solucións de Intelixencia Artificial e robótica para “axilizar todos estes procesos”.
Feijóo explicou que este contrato, que terá unha vixencia de 2 anos, “permitirá dar resposta de xeito áxil á tramitación de grandes volumes de expedientes, reducir tempos de tramitación, incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitar que as persoas realicen funcións que poden ser automatizadas e, en xeral, dar un mellor servizo aos galegos”. Tamén lembrou que o uso destas solucións “non é unha novidade”, xa que a Xunta “é pioneira na aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos e nas técnicas de recoñecemento óptico de caracteres”. Sinalou que estes recursos estanse a empregar en procedementos tributarios como as autoliquidacións da compravenda de vehículos usados, nas transmisións patrimoniais, na sincronización de datos coa Seguridade Social ou na tramitación das axudas do II Plan de Rescate.

PUBLICIDADE