A Xunta considera a ciberseguridade un dos piares da súa estratexia dixital

mércores, 18 de setembro do 2019 Redacción

A responsable da política tecnolóxica da Xunta, Mar Pereira, inaugurou esta mañá o I Congreso de ISACA en Santiago, que reúne a preto dun cento de profesionais do ámbito da ciberseguridade, onde sinalou que a «ciberseguridade é un elemento chave» no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que se está a elaborar a estratexia dixital de Galicia para a vindeira década.
Na súa intervención, Pereira sinalou que «a vida é dixital» e a seguridade e a confianza son elementos fundamentais para que os cidadáns se desenvolvan axeitadamente neste contexto. Lembrou aposta do Goberno galego pola ciberseguridade cun Plan aprobado no Consello da Xunta, que se acaba de reformar para adaptarse aos últimos cambios normativos e que tamén inclúe máis medidas e un incremento orzamentario.
Segundo recordou a directora da Amtega este plan contempla alianzas estratéxicas con outras entidades para mellorar e compartir experiencias no eido da ciberseguridade. Neste sentido indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co INCIBE.

PUBLICIDADE