A aula CeMIT de Ames achega en marzo e abril unha ducia de novas accións formativas

luns, 9 de marzo do 2020 Redacción

A aula CeMIT de Ames presentou este luns a súa programación para este primeiro treito da primavera, os meses de marzo e abril, nos que se desenvolverá unha ducia de novos cursos sobre outras tantas vertentes tecnolóxico-dixitais ao servizo da cidadanía. Dentro da axenda de marzo, cómpre salientar un ciclo de introdución ao uso do computador, cuxo obxectivo é achegar á poboación adulta local ao uso deste equipamento “dende unha perspectiva ampla e introdutoria”.
o ciclo está composto por: un curso de iniciación á informática que se desenvolverá do 10 ao 18 de marzo (as prazas xa se encontran cubertas), un curso de iniciación a Internet do 24 de marzo ao 2 de abril, e outro de iniciación ás redes sociais do 14 ao 16 de abril.
Outro dos ciclos que se seguirán desenvolvendo é o de ofimática, destinado a introducir á veciñanza nos usos e posibilidades da suite de LibreOffice. Este ciclo, sen ben comezou en febreiro, seguirá ao longo destes meses coa posibilidade de poder presentarse aos exames CODIX. O primeiro dos cursos que se desenvolverá nese ciclo no mes de marzo é Follas e cálculo con LibreOffice Calc I, o cal xa conta coas prazas cubertas. Esta actividade formativa verase complementada con outra que se desenvolverá a finais de mes, Follas de cálculo con LibreOffice Calc II, e que tamén ten as prazas cubertas. Xa no mes de abril, comezarase con Presentacións con LibreOffice Impress , un curso centrado en entender a creación de presentacións. Está programado do 14 ao 17 de abril.
Actividades para adultos do mes de abril
Durante o mes de abril desenvolveranse dúas citas formativas para adultos: Aprende a manexar o teu teléfono móbil e Administración Electrónica: introdución as súas posibilidades. O primeiro deles é un curso de iniciación para aprender a sacarlle partido ao teléfono móbil, mentres que o segundo é un curso adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración Electrónica.
Cursos para menores e obradoiros de Semana Santa
Con motivo das vacacións de Semana Santa, a Aula CeMIT ten programados para eses días tres obradoiros lúdicos e educativos para que a rapazada, en palabras do Concello, “aprenda cousas novas mentres está entretida”.
O primeiro deles é Aprende a dominar o rato e o teclado, que está destinado a menos de 8 anos e se desenvolverá durante a mañá do luns 6 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas.
O segundo obradoiro programado é Programación con Scratch, o martes 7 de abril para nenos/as de 8 a 10 anos e o mércores 8 para nenos/as de 10 a 12 anos. Ambos os dous tamén son en horario de 10.00 a 12.00 horas.
E xa fóra da programación de Semana Santa, do 13 ao 28 de abril, en horario de luns e mércores de 18.15 a 19.45 horas terá lugar un curso de informática para rapaces.
Videoconferencias
Nestes meses hai organizadas varias videoconferencias por FEGAUS que xirarán en torno ao turismo e o teléfono móbil. Desenvolveranse, en horario de 10.30 a 11.30 horas, Descobre a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarte unha fortuna o venres 13 de marzo, Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet o luns 23 de marzo, Turismo cultural para vivir novas experiencias o venres 3 de abril, Funcionamento básico de dispositivos móbiles o venres 7 de abril e Configura o meu móbil o teu gusto o venres 24 de abril.

PUBLICIDADE