A aula CeMIT de Ponteareas achega en marzo unha ducia de actividades formativas

luns, 1 de marzo do 2021 Redacción

A cidadanía de Ponteareas vai ter este mes de marzo novos cursos tecnolóxicos de balde, nos que as veciñas e veciños xa poden inscribirse a partir deste primeiro de mes. Será a través da aula CeMIT (Centro Social da rúa Oriente) e a Concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez. A axenda inclúe arredor dunha ducia de actividades.
Neste mes de marzo a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de segundo nivel dos xa iniciados no mes de febreiro e tamén cursos específicos para persoas maiores co obxectivo de “axudalas no manexo do teléfono móbil e as súas aplicacións”. Tamén se vai poñer o foco en ilustrar aos asistentes sobre como realizar xestións coas administracións a través dos dispositivos e en como usar todo tipo de ferramentas dixitais que contribúan positivamente aos ámbitos social e familiar.
Os cursos para maiores serán presenciais e con grupos reducidos e o resto impartiranse online. A inscrición pode realizarse a través da web da aula CeMIT.
Segundo explicou a dita Concellería, a aula CEMIT ofrece formación informática de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía. Por este motivo serán benvidas as suxestións das persoas interesadas para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

PUBLICIDADE