A aventura gráfica New York Crimes estrea versión para iOS

xoves, 21 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O pasado mes de marzo FX Interactive puxo á venda o xogo de Péndulo Studios New York Crimes (coñecido internacionalmente como Yesterday), que é todo un luxo para os amantes das aventuras gráficas pola súa coidada edición á que non lle falta a dobraxe en español e que pode adquirirse en formato físico por só 19,95 euros, pero dende hoxe, os que teñan un iPhone, iPod Touch ou un iPad poderán facerse con este título por un prezo aínda menos, xa que vén de desembarcar na App Store como aplicación universal por só 3,99 euros, aínda que esta versión carece de voces en español (o que compensa coa tradución ao español dos seus textos).
Esta aventura do máis puro point’n click ten un estilo visual e narrativo que mestura videoxogos, cine e cómic, cunha historia escura e adulta e un guión cheo de referencias e homenaxes a películas, series de televisión, xogos, música e novelas que agradecerán os xogadores que teñan unha certa idade como para gozar deste xénero.
Yesterday conta a historia de Henry White, un voluntario dunha ONG que co seu amigo Cooper investiga un misterio ignorado por policías e medios: un psicópata está a queimar vivos aos mendigos de New York á vez que a algunhas persoas aparécelles nas mans unha cicatriz con forma de Y. Aparte dos 2 personaxes comentados, tamén podermos controlar ao amnésico John Yesterday, que vese arrastrado por esta trama.


Trailer da versión para iOS de New York Crimes

PUBLICIDADE