A blogueira galega Eva Abal converte o Padrón Xacobeo en tendencia

mércores, 9 de xuño do 2021 S. P.

A Concellaría de Cultura e Turismo de Padrón está a promover unha campaña de promoción turística centrada no Xacobeo 2021-2022 coa presenza da prestixiosa blogueira Eva Abal, creadora do blog unaideaunviaje.com e colaboradora do programa Quen anda aí da TVG. Esta iniciativa xorde nun momento clave para “reactivar a hostalería e os negocios turísticos locais tras o impacto provocado pola pandemia que estamos a vivir”, explicou o Concello a tempo que enxalzou a traxectoria da blogueira galega, que conta cunha ampla e recoñecida traxectoria no mundo dos cadernos en liña de viaxes.
O Concello tamén destaca que entre os principais fitos de Eva Abal están a visita a máis de 60 países (Namibia, Chile, Irán, Tailandia, India...) e a participación en campañas para empresas como Air Tahiti ou organismos públicos como Turismo de Xixón. Ademais, o seu blog sitúase entre os máis consultados polos visitantes da nosa Comunidade.
Durante a súa estadía en Padrón, a blogueira tivo a oportunidade de realizar os últimos quilómetros do camiño da Pedronía, que une Santiago de Compostela con Padrón, un itinerario que lembra a tradición xacobea medieval segundo a cal os peregrinos continuaban a súa viaxe até Padrón para coñecer o punto sagrado onde desembarcou o apóstolo. Tamén visitou o convento de Herbón, empregado polos peregrinos coma alternativa de aloxamento no Camiño Portugués e no cal tivo lugar a chegada do produto gastronómico estrela do concello de Padrón no século XVII: o pemento.
A través de numerosas stories en Instagram, publicacións en Facebook e un artigo con toda a información relacionada co Padrón Xacobeo, a blogueira dará a coñecer os principais atractivos do termo municipal entre a súa ampla comunidade de seareiros.
Boa parte da súa experiencia en Padrón xa foi envorcada no seu blog a principios de ano.

PUBLICIDADE