A cámara Fujifilm X-E3 pode gravar vídeo 4K

xoves, 7 de setembro do 2017 Marcus Fernández

As cámaras fotográficas sen espello continúan a sumar prestacións e a conformar unha categoría con cada vez máis competencia, como demostra a chegada da nova Fujifilm X-E3, cámara con sensor APS-C X-Trans CMOS III de 24,3 Mpíxeles e motor de procesamento de imaxe X-Processor Pro de alta velocidade, que entre outras prestacións avanzada inclúe Bluetooth (para poder transferir imaxes ao smartphone ou a tableta con baixo consumo) e incluso a súa pantalla táctil de 3 polgadas sorprende ofrecendo xestos. Outro dos puntos fortes desta cámara compacta e lixeira é a posibilidade de gravar vídeo en 4K e, precisamente aos amantes do vídeo pode sorprenderlles que esta pequena cámara inclúa entrada para un micrófono externo.
Cómpre salientar que o uso de Bluetooth busca principalmente a comunicación de baixo consumo, pois a cámara tamén ten a opción de comunicarse por Wi-Fi. Esta cámara que sae á venda antes de rematar o mes terá un prezo (só o corpo) duns 900 dólares nos EE.UU., onde tamén estará dispoñible nun par de lotes con obxectivos de 23mm e 18-55mm por 1.150 e 1.300 dólares respectivamente.

Vídeo promocional da cámara Fujifilm X-E3

PUBLICIDADE