A cámara Fujifilm X-T10 combina deseño elegante, manexo cómodo e calidade de imaxe

luns, 18 de maio do 2015 Marcus Fernández

A Serie X de Fujifilm está a medrar, e prepárase para recibir na familia á nova Fujifilm X-T10, unha cámara con obxectivos intercambiables que combina un corpo compacto e lixeiro cun novo sistema de enfoque automático que destaca na captura de suxeitos en movemento, amais dun visor electrónico en tempo real que conta cunha impresionante relación de ampliación de 0.62x, pantalla de alta definición e o retardo máis breve do mundo (0,005 segundos).
A Fujifilm X-T10 incorpora un sensor X-Trans CMOS II APS-C con enfoque automático por detección de fase integrado, pode disparar 8 imaxes por segundo con alta calidade e incluso goza dunha boa ergonomía, xa que a súa placa superior inclúe tres diais de aluminio con fresado de precisión que dan unha sensación de calidade e facilitan axustes moi intuitivos da apertura, a velocidade de obturación e as funcións de disparo. A pantalla LCD de 3 polgadas pode inclinarse, de xeito que fai doado disparar instantáneas coa cámara sobre a cabeza ou a ras do chan. O corpo tamén incorpora un flash dentro da placa superior.
A cámara pode disparar fotografías de 16,3 Mpíxeles e gravar vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo até a 36 Mbps, o que permítelle captar en alta definición os movementos máis sutís. Tampouco lle falta conectividade Wi-Fi para poder disparar dende un smartphone ou tableta (o que tamén permite a copia de seguridade dos datos da cámara a un ordenador sen empregar cables).
Entre as vantaxes desta familia de cámaras destaca a variedade de obxectivos dispoñible, xa que as montura X de Fujinon contan actualmente con 18 obxectivos distintos, que irían dende un ultra grande angular até teleobxectivos, pasando por obxectivos de focal fixa e apertura rápida.
Estamos ante unha cámara moi interesante, que combina elegancia e versatilidade, e sairá á venda o mes que vén a un prezo de 799,95 dólares (o corpo), o que o converte nunha alternativa á Fujifilm X-T1 a un prezo considerablemente inferior (pois esta cámara anda no contorno dos 1.100 euros).

A Fujifilm X-T10 presenta un deseño moi elegante (con certo aire retro)

PUBLICIDADE