A cámara Fujifilm X-T200 destacará polas súas posibilidades de gravación de vídeo

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

A cámara Fujifilm X-T200 que presentan hoxe dende o Xapón é unha interesante proposta que chegará ao mercado a finais do mes que vén e que trátase dunha cámara sen espello con obxectivos intercambiables e un peso de só 370 gramos equipada cun sensor APS-C de 24,24 Mpíxeles e prestacións que poden resultar moi atractivas, como unha tecnoloxía de reprodución de cor única e a posibilidade de gravar vídeo en 4K de xeito estable ou con HDR, de xeito que pode resultar práctica tanto para conseguir instantáneas de calidade como para conseguir boas gravacións de vídeo.
Unha das características máis visibles da X-T200 é a súa pantalla táctil de 3,5 polgadas que pode abaterse para facilitar o seu uso en máis posturas (presentando un brillo máximo dunhas 1.000 candeas de xeito que pode ser visible en exteriores nun día soleado).
No que se refire á gravación de vídeo, un dos puntos fortes da cámara, temos que opde gravar en 4K a 30 imaxes por segundo ou a 60 imaxes por segundo en Full-HD, contando con modo de gravación con HDR, modo de cámara lenta a 120 imaxes por segundo e unha opción bastante sorprendente: é a primeira cámara dixital de Fujifilm con modo de gimbal dixital, que aproveita os xiroscopios da cámara para evitar vibracións durante a gravación de vídeo, prestación moi habitual en smartphones, pero non tan habitual en cámaras fotográficas.
Prevese que esta cámara custe 699,95 dólares solta e 799,95 dólares cun obxectivo de 15-45mm.

Vídeo promocional da Fujifilm X-T200

PUBLICIDADE