A cámara Polaroid iZone poderá conectarse ao smartphone a través de Wi-Fi

venres, 8 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

As pequenas cámaras Polaroid Cube conseguiron unha boa aceptación grazas ao seu reducido tamaño e a súa aparencia atractiva, de xeito que esta cámara de acción permite disparar fotografías de 6 Mpíxeles e vídeo en alta definición en infinidade de situación, e avanzando nesta mesma liña Polaroid está a amosar no CES de Las Vegas o que sería a recuperación da liña iZone, que xa non sería unha familia de cámaras compactas de carrete, senón que estariamos ante unha cámara en miniatura que permite disparar fotografías de 18 Mpíxeles, conta con zoom óptico de 8x, pantalla LCD de 2 polgadas na súa parte traseira e gravacións de vídeo Full HD.
A idea desta pequena cámara é que poida comunicarse co móbil (iOS ou Android) mediante Wi-Fi, para xestionala nunha aplicación que tamén pode empregarse como visor (se o visor integrado nos parece demasiado cativo) e así podemos ver a iZone como unha cámara de acción ou como unha cámara externa, que resultará cómoda para os que queiran fotografar en mobilidade e poder compartir as instantáneas rapidamente a través do móbil, podendo así gozar das vantaxes de contar cun zoom óptico (presente en poucos smartphones).
Está previsto que estas novas cámaras en miniaturas de Polaroid cheguen ao mercado en primavera a un prezo de 180 dólares.

PUBLICIDADE