A campaña #aculturasegue achega unha ampla programación de lecer para estes tempos de reclusión

luns, 23 de marzo do 2020 Redacción

Para mitigar e facer máis levadío o período de confinamento derivado do estado de alarma, a Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propuxo unha completa programación de lecer cultural a través de Internet: concibidas para toda a familia e con posibilidade de seren seguidas a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións.
Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse “ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura”. Ao abeiro deste programa, máis de 4.500 títulos de libros, revistas ou películas ofrécense en formato electrónico e de maneira gratuíta a través da plataforma GaliciaLe. Amais, Lingua.gal achega mancheas de recursos didácticos para a cativada con xogos, materiais para imprimir e propostas interactivas.
Máis de 4.500 títulos
As bibliotecas xestionadas pola Xunta fortaleceron estes días a operatividade de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico. A través desta pódense descargar e visualizar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.
Unha viaxe polo tempo, a arte e a historia
Os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.
“Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital”, explican a Consellería de Cultura, engadindo que “na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras como se se estivera no interior, con información complementaria”.
Estrea da Bibliografía Xacobea
Como novidade para “todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación”, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia.
Pasado e futuro do audiovisual
Cultura tamén propón visualizar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros. A Xunta tamén salienta a proposta Cinema en curso, un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.
Medrar en galego
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, destácase aqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos
Así mesmo, hai abondosos audiovisuais e recursos dispoñibles no portal que se poden empregar para un mellor coñecemento e uso da lingua galega, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.
Galicia, un relato no mundo
A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo. Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma, afastadas das pezas estrela máis coñecido. En concreto, as pezas audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración.
Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.

PUBLICIDADE