A chegada do camareiro virtual revive a fantasía do bar na casa

xoves, 23 de agosto do 2007 Matías Olazabal

Lembro cando aínda era considerado moi chic ter un pequeno bar na casa. Pois agora xa non fan falta obras no fogar nin estar pendente de limpalo todo despois de cada festa, nin sequera de conseguir unha listaxe de cocktails, porque “os nosos amigos” os científicos, veñen de construír a máis sublime dos máquinas: un expendedor automático de combinados, ou, como os fabricantes prefiren chamalo: un camareiro virtual.

O Virtual Bartender vén equipado cunha pantalla táctil e conta con conexión á Rede para que a base de datos de cocktails poida actualizarse e modificarse, e até poderemos intercambiar receitas con outros seareiros do “bo beber”. Debaixo da pequena máquina atopamos unha neveira na que se poden conectar até un total de 16 botellas, e, ademais destas conexións, o aparello inclúe unha conexión de auga e outra de gas, pensada para que nun futuro os responsables dun coñecido refresco de cola comercialicen un concentrado da bebida xunto con este innovador trebello. Un dato interesante: despois de servir cada copa, a máquina límpase de xeito automático cun chorro de auga quente que remove os restos de líquido dos caños.
Porén, como ben sabedes, no mundo dos gadgets nada é perfecto, nin moito menos barato, e se vos gusta a idea de mercar este camareiro virtual xa podedes ir facendo un bote cos colegas, xa que a brincadeira vaivos custar 2.575 dólares (algo menos de 1900 euros).

PUBLICIDADE