A cidadanía de Lugo poderá realizar consultas sobre todo o patrimonio municipal a través dunha app

xoves, 3 de marzo do 2022 S. P.

O Concello de Lugo adxudicou á firma Cotesa o desenvolvemento dunha plataforma para actualizar e consultar o inventario municipal e para a xestión integral de todo o seu patrimonio. A contratación ascende a 85.910 euros e o traballo terá un prazo de execución dun ano e outro de mantemento. A tecnoloxía resultante será integrada nun sistema de xeorreferenciación para concretar a localización das propiedades municipais.
A rexedora Lara Méndez sinalou que “a nova aplicación tecnolóxica permitirá ter perfectamente identificados todos os bens da institución, coñecendo con exactitude a súa cantidade e características e garantindo así un mellor control, uso e aproveitamento dos mesmos, e permitindo a súa consulta por toda a cidadanía”.
Segundo se estipula nas bases da adxudicación, nunha primeira fase (de seis meses) a empresa adxudicataria deberá actualizar o actual inventario, que inclúe, a grosso modo, un conxunto de 5.740 inmóbeis (urbanos, rústicos, vías públicas urbanas e rústicas, parques e outro tipo de infraestruturas), 240 bens históricos artísticos e 189 vehículos, etc.
Cotesa deberá identificar, sempre que sexa posíbel, todos e cada un dos bens mediante referencia catastral, coa finalidade de poder coñecer ou seu posicionamento espacial (tanto de forma individual, como pola zona xeográfica que se sinale na planimetría en vigor e clasificalos atendendo a criterios físicos, analíticos e de xestión).
O obxectivo, aclarou a rexedora, é que “a través do novo sistema poidamos coñecer de todos e cada un dos bens aspectos como a súa identificación (con referencia catastral, xeorreferencia e ortofoto, no caso do inmobilizado material), definición, situación xurídica, natureza, vida económica, custo de adquisición e valor e realidade patrimonial, entre outros”. Para iso, a aplicación informática facilitará o achado e localización dos bens, a través de filtros “de sinxela construción”, engadiu a alcaldesa, engadindo que incorporará “un xerador de consultas ou vistas para que as persoas usuarias poidan definir con exactitude calquera busca que requiran e atopala no menor tempo”.
A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Avarellos, avanzou que despois da primeira fase de actualización dos bens, a empresa procederá a pór en marcha a aplicación e logo finalizará coa formación do persoal municipal na xestión da ferramenta.

PUBLICIDADE