A cidadanía galega xa pode consultar en liña os seus procesos xudiciais

venres, 28 de outubro do 2016 Redacción

Tal e como se anunciara nos meses previos, dende a axencia AMTEGA e dende Vicepresidencia, este mes de outubro as galegas e os galegos contaríamos coas ferramentas para consultar en liña o estado no que se atopan os noso procesos xudiciais. Segundo informaron este 28 de outubro as ditas entidades, a devandita posibilidade de consulta xa é unha realidade grazas á posta en marcha da sede xudicial electrónica, un recurso que empraza á Comunidade galega á fronte do ámbito estatal en materia de eAdministración aplicada ao ámbito da Xustiza.
De feito, segundo lembraron AMTEGA e Vicepresidencia, Galicia “é a primeira Comunidade en poñer en funcionamento a sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo”. Tamén recordaron ante os medios de comunicación que nesta primeira andaina da eSede xudicial, poderemos consultar información dos procesos presentábeis en sede e verificar documentos electrónicos.
En datas vindeiras, “de maneira progresiva”, a sede irá abranguendo novas funcionalidades e posibilidades. Por exemplo: podemos iniciar dixitalmente procedementos monitorios, que é unha fórmula xudicial para reclamar impagos e que non precisa de intervención dun avogado ou dun procurador. A sede tamén incluirá ao longo dos seguintes meses unha posibilidade concreta para os profesionais: a de acceder de maneira segura aos expedientes dos procesos xudiciais nos que son parte.
Segundo engadiron hoxe Mar Pereira (AMTEGA) e Alfonso Rueda (Videpresidencia), a sede xudicial está accesíbel na ligazón sede.xustiza.gal e a través do portal xustiza.gal. Tanto Pereira como Rueda coincidiron en salientar a posta en marcha da eSede como “un dos grandes fitos previstos no Plan Senda 2020 da Xunta de Galicia. Na cita perante os medios tamén participaron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suances. Na rolda de prensa tamén se fixo balance dos avances para conseguir a implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE).

PUBLICIDADE