A colaboración entre o CPEIG e R para converternos en referentes da cibersecurity terá continuidade

xoves, 17 de outubro do 2019 Redacción

Hoxe clausurouse oficialmente en Santiago, na Cidade da Cultura, o encontro Cybersec@Gal, o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. Na derradeira xornada do evento, que comezou o luns ofrecendo actividades na UVigo e na UDC, participaron o director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As primeiras xornadas de Cybersec@Gal2019 foron adicadas ao alumnado dos nosos campus, e a de hoxe reservouse para a cuestión empresarial: a protección TIC nas empresas.
Isidro Fernández de la Calle salientou que “o traballo de Cybersec@GAL vén tan só de comezar a súa andaina”, e que a transformación da nosa terra nun referente en ciberseguridade (en desenvolvemento de ferramentas, en transformación, en cultura de protección dixital, etc) é unha clara aposta de futuro para as entidades que impulsaron o congreso e participaron nel. A ciberseguridade, dixo, é “unha preocupación cada vez máis candente e na que todos debemos unir esforzos”, e adiantou tamén que os temas do talento, o financiamento, o liderado e a estratexia aplicados á salvagarda dos datos e das comunicacións serán as claves das vindeiras edicións deste foro.
Mar Pereira destacou que “a ciberseguridade é un elemento clave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir” e “un dos vectores sobre os que elaboramos a estratexia dixital de Galicia para a próxima década”. Tamén lembrou que “o esforzo da Administración autonómica céntrase en protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para universalizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas”.
A xornada de hoxe estivo centrada, como dixemos, nas empresas. Ao fío deste obxectivo participaron profesionais como Mar López Gil, responsábel da Unidade de Ciberseguridade e Desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do Goberno, quen falou sobre a Estratexia Nacional de Seguridade. Mar López salientou que “no ciberespazo nada é casual” e explicou que o uso ilícito do ciberespazo ten tres vertentes principais: os ciberataques, a ciberespionaxe e a cibercriminalidade. Tamén resaltou que “España aposta por un ciberespazo aberto, plural, seguro e de confianza, tanto nas súas relacións bilaterais coma nas organizacións multilaterais, rexionais e internacionais”.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na súa intervención

Sobre ciberseguridade na transformación dixital versaron, nunha mesa de debate, os relatorios de voceiros de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Inditex Abanca, Forensic & Security e Grupo Euskaltel. A responsábel de Protección de Datos de R e do Grupo Euskaltel, Susana Rey, subliñou nesta mesa que “dixitalizar unha empresa sen atender a ciberseguridade é construír unha casa sen alicerces á que calquera mínimo tremor vai tirar ao chan”. Ao seu xuízo, “a cuestión primordial radica en se estamos preparados para minimizar o seu impacto no negocio e recuperarnos dos seus resultados ou se teremos que pechar a empresa ao primeiro criptovirus que nos chegue por correo”.
Pola súa banda, Eduardo Mastranza, socio executivo de Gartner, falou sobre a visión actual do mercado ante o tema da ciberseguridade e fixo fincapé en que “as empresas de tamaño medio e pequeno encaran os mesmos riscos que as grandes, porque son igualmente obxectivo de ataques; pero non dispoñen dos mesmos recursos, como tampouco dispoñen do poder de atracción de talentos e de competencias, por iso cómpre que loiten nun mercado que se fai cada día más competitivo e global”. Na súa opinión, “garantir a seguridade nas PEME é difícil, pero non imposíbel; cómpre sermos pragmáticos e intentar novas aproximacións”.
Pola súa banda, Marina Martínez-García, punto nacional de contacto para o programa de Seguridade en Horizonte-2020 (Programa Marco de Investigación e innovación da Unión Europea, dependente do Ministerio de Ciencia) falou das novas oportunidades de apoio á innovación en ciberseguridade da Unión Europea, proxectos colaborativos nos que empresas, entidades de investigación públicas e privadas e usuarios finais terán ocasión de financiar e analizar desenvolvementos precomerciais: “Búscanse solucións eficientes de ciberseguridade aplicadas á protección de infraestruturas críticas, ferramentas que garantan protección a usuarios particulares, a microempresas e a PEME”.
Catro xornadas de debate e formación
Cybersec@Gal achegou estes días catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falou de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. O foro foi dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial (este xoves), da man de expertos estatais e internacionais que exporán diversos aspectos no terreo da seguridade TIC.
Na xornada de clausura deste xoves, pola tarde, entregaranse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).

PUBLICIDADE