A comarca de Santiago impulsará o galego nas TIC con novas axudas de Política Lingüística

mércores, 31 de xullo do 2019 Redacción

Ovidio Rodeiro, esta mañá, na clausura dun obradoiro de emprego en Melide

Política Lingüística deu a coñecer este mes de xullo novas axudas para promover o galego, poñendo o foco na mocidade e, tamén, nas ferramentas de comunicación que teñen máis popularidade entre as novas xeracións: as ferramentas tecnolóxico-dixitais. Desta volta, as subvencións consisten nunha ducia de apoios para concellos da comarca de Santiago. A resolución destas contribucións de Política Lingüística foi dadas a coñecer polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
Un total de 13 concellos de Santiago e a mancomunidade de Ordes recibirán ditas axudas, que se distribúen entre as entidades locais que as solicitaron, ben a título individual, ben agrupadas con outras, até acadar os 3.000 habitantes mínimos que esixía a convocatoria.
Con esta iniciativa, as entidades beneficiarias prestarán á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implementación de programas de dinamización lingüística.
A contía asignada a esta comarca é de máis de 50.000 euros.
Con esta resolución, créanse dous novos servizos lingüísticos e apóiase a continuidade da actividade doutras 35 unidades técnicas de traballo que lles dan cobertura a un total de 42 concellos en Galicia.
Segundo explica Política Lingüística, as subvencións contribúen ao financiamento de diferentes programas de dinamización en 35 municipios que reciben a axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego, en concreto aquelas que redunden nos ámbitos da perspectiva de xénero e da igualdade, dos servizos sociais, do tecido económico e empresarial, do deporte, das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e da mocidade, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que está a desenvolver a Xunta de Galicia e co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou recentemente no Parlamento de Galicia.

PUBLICIDADE