A consola portátil de Logitech para xogar na nube chega a Europa

martes, 16 de maio do 2023 Marcus Fernández

En setembro Logitech anunciou unha consola portátil orientada ao xogo na nube, a Logitech G Cloud Gaming Handheld, que xa está á venda nos EE.UU., e que finalmente vai venderse en Europa a partir do 22 de maio, desenvolvéndose este lanzamento territorial até o 22 de xuño.
Os países aos que vai chegar a curiosa consola son Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia, Noruega, Dinamarca, Suecia, Finlandia e España, e o prezo recomendado da Logitech G Cloud Gaming Handheld é de 359 euros. Logitech aproveita este lanzamento para incluír coa consola 6 meses de subscrición a Xbox Game Pass Ultimate, 1 mes a nVIDIA GeForce NOW Priority e 1 mes de Shadow PC, de xeito que os novos usuarios poderán gozar de varios servizos de xogo en streaming para ver cal é o que máis se axusta aos seus gustos.
Lembremos que a Logitech G Cloud Gaming Handheld é unha consola portátil baseada en Android, moi na liña do que sería a Nintendo Switch, que está equipada cunha pantalla táctil Full HD de 7 polgadas, pesa 463 gramos e achega unha batería de até máis de 12 horas, aínda que cómpre salientar que o seu procesador é moi básico (un Qualcomm Snapdragon 720G) polo que o seu uso para correr xogos de Android non sería todo o satisfactorio que debería, e o xogo en streaming sería o único escenario que podería xustificar a súa compra, aínda que o seu prezo colócaa nunha posición moi complicada, xa que a Nintendo Switch Lite en un prezo oficial de 219,99 euros, a Nintendo Switch con pantalla OLED ten un prezo oficial de 349,99 euros e o modelo básico da Steam Deck custa 419 euros, ou sexa, que dispositivo moito máis capaces teñen prezos máis competitivos.

PUBLICIDADE