A creación de videoxogos enriquece o programa de talentos Xuventude Crea

venres, 10 de xullo do 2020 Sonia Pena

A creación de videoxogos terá cabida no programa de actividades de Xuventude Crea para este 2020, iniciativa para fomentar o talento da mocidade da Consellería de Política Social. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de agosto de 2020. Haberá tres premios por cada unha das especialidades: un de 3.000, outro de 1.500 e outro de 1.000 euros.
Amais da devandita, convócanse as seguintes modalidades creativas: artes plásticas, banda deseñada, cociña, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, novela curta, poesía, teatro e vídeo-creación.
Respecto da categoría de creación de videoxogos, os proxectos que se presenten poderán ser individuais ou en grupo; neste último caso, cun máximo de 5 integrantes. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o audio en galego, agás a banda sonora, que poderá estar en calquera lingua. A temática será libre. Só se poderán presentar videoxogos para PC e Mac.
As solicitudes poden tramitarse na Sede Electrónica da Xunta co procedemento BS310Q.

PUBLICIDADE