A cultura que pide paso na era dixital, ao detalle este martes na sede do CCG

luns, 2 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este 3 de decembro temos unha cita en Santiago cos novos camiños polos que está a discorrer hoxe en día a cultura no seu percorrido cara a cidadanía, camiños que, malia as diferenzas que poidan ter, coinciden no feito de seren innovadores e primordialmente tecnolóxicos. A xornada Contidos e prácticas culturais e artísticas na contorna dixital vén da man do Consello da Cultura Galega. Dará comezo ás 16.15 horas, coa intervención inaugural de Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Carme García Mateo, coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, a partir das 16.15 horas. O fío temático do evento serán as novas iniciativas culturais que precisan de Internet para a súa creación, difusión ou exhibición.
Bani Brusadin ou Esther Pérez-Amat son algunhas das persoas que participarán neste encontro no que tamén se exporán proxectos como @elbarroquista ou lame de San Sadurniño. Amais, Sergio Lago (BenCuriosa), xestor cultural e coordinador de Coruña Dixital, falará deste programa municipal integral de educación e divulgación dixital.
A xornada vén da man da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG e forma parte dun ciclo de catro xornadas nas que se tratarán diferentes liñas de traballo agrupadas en catro eixes. O obxectivo específico desta segunda actividade do ciclo “é realizar unha aproximación a algunhas das novas tendencias, estratexias e ferramentas coas que o público está a conectar cos contidos culturais e artísticos na contorna dixital”.
Nun primeiro bloque avaliaranse prácticas artísticas e culturais que están a experimentar coa mediación tecnolóxica, “especialmente propostas de hibridación entre a experiencia física e a dixital”. Tamén se botará luz sobre as novas posibilidades que se abren, pero tamén sobre “as olladas críticas sobre como está a influír a propia tecnoloxía e os novos hábitos de consumo cultural na nosa sociedade”. Asemade, ao abeiro dunha perspectiva de novas tendencias, afondarase nos detalles do que se considera “un dos últimos bastións dos consumos culturais tradicionais que resiste á súa dixitalización”. Trátase dos novos formatos e ferramentas inmersivas dentro das artes escénicas e musicais.
Nun segundo bloque, centrado en experiencias galegas, divulgaranse dous casos de éxito de profesionais que traballan en entidades do país. En ambos os casos os seus responsábeis debullarán as estratexias que aplican, empregando ferramentas comúns como as redes sociais ou a creación audiovisual. Trátase, como dixemos, de El Barroquista e Fálame de San Sadurniño.
A próxima xeira do ciclo será o 12 de maio, baixo o epígrafe Patrimonio, turismo e centros culturais: a elaboración de relato, o deseño de experiencias, as técnicas de programación cultural e a relación cos públicos.
Damos conta do programa da xornada de mañá:
·16:15 horas
Inauguración
·16:30 horas
Bloque I
Conferencia 1
Explorando os espazos de intersección entre a arte, a tecnoloxía e as novas culturas populares dixitais
Bani Brusadin, produtor cultural, investigador e comisario de exposicións e eventos, como Tentacular (Festival de Tecnologías Críticas y Aventuras Digitales-Matadero Madrid). É codirector dende 2004 de The Influencers (CCCB), festival de referencia sobre arte non convencional, guerrilla da comunicación e novas tecnoloxías.
Conferencia 2
Da butaca ao salón da casa, experiencias dixitais inmersivas nas artes escénicas e musicais
Esther Pérez-Amat, xornalista e membro do Laboratorio de Innovación de RTVE.es
Debate
Modera: Sergio Lago (BenCuriosa), xestor cultural especializado no ámbito dixital
18:00 horas
Pausa
18:30 horas
Bloque II
Mesa redonda Boas prácticas dende Galicia
Relatorio e moderación da mesa: Sergio Lago (BenCuriosa), xestor cultural e coordinador de Coruña Dixital, un programa municipal integral de educación e divulgación dixital.
Modelos de éxito na divulgación cultural e artística a través das redes sociais
Miguel Ángel Cajigal Vera, @elbarroquista
Estratexias de mediación no ámbito sociocultural e da alfabetización dixital de adultos
Carme Suárez Nieto, Fálame de San Sadurniño
20:00 horas
Peche da xornada

PUBLICIDADE