A directora de servizos TIC do Banco Sabadell participa no Girl STEM en Pontevedra

mércores, 26 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, será unha das mulleres referentes que participe no programa galego Girl STEM, derrubando estereotipos, do que falamos os días pasados dende Código Cero, salientando a súa vontade de tirar abaixo os atrancos que impiden unha meirande presenza (e visibilidade) das mulleres nos eidos científico-tecnolóxicos, onde só representan o 30% do total. O programa, como lembraremos, está impulsado por AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Máis polo miúdo, Guardia asistirá á sesión que se celebrará este venres, 28 de setembro, no IES Valle Inclán de Pontevedra, entre as 12:00 e 14:00 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Montserrat Guardia desmontará diversos prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando, en palabras da organización, “datos e exemplos inspiradores”. A continuación, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces do instituto.
Con estas citas do programa Girl STEM, AGASOL e AMTEGA queren contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.

Quen é Montserrat Guardia

JPEG - 44.8 KB
A directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España

É a directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. Ademais, é unha gran experta en blockchain, unha tecnoloxía en claro proceso de proxección, baseada en cadeas de bloques e achegando, a nivel de operatividade para empresas e entidades, a eliminación de intermediarios para todo tipo de procesos comunicativos, trámites ou xestións, ou descentralizar o traballo das tarefas diarias, introducindo un extra de seguridade. Guardia ocupa a presidencia da Quantum Blockchain Alliance e maila vicepresidencia do consorcio Alastria.

PUBLICIDADE