A dixitalización da xustiza, a exame en Ourense

venres, 10 de decembro do 2010 Raquel Noya

A Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, situada no Campus de Ourense, está a celebrar unha xornada sobre A formación do xurista europeo no contexto dun novo dereito global, na que, entre outras cousas, se analiza o nivel de modernización da nosa xustiza, que deixa moito que desexar posto que “aínda temos os expedientes en papel e non en formato dixital” como sucede noutros países teoricamente menos desenvolvidos. “Este proceso en España”, segundo informa a profesora de Dereito Procesal da UVigo, Inés Iglesias, “estase só iniciando cando debería ser xa unha realidade, que axilizaría de forma impresionante a nosa administración de xustiza”.
Xa que logo, a dixitalización da xustiza española é un paso obrigado que axilizaría moitos trámites do actual desbordado sistema. Éste, segundo indicou Iglesias no seu relatorio na tarde de onte, “contraponse ao modelo italiano, onde está plenamente implantado o uso das TIC aplicadas ao ámbito da xustiza”.
Iglesias xunto á tamén profesora de Dereito Romano da Universidade de Vigo, María José Bravo Bosch, coordina estas xornadas, na que se analizan os cambios que impón na formación deste colectivo o avance tecnolóxico, a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e o desenvolvemento do dereito europeo, entre outros temas.
O proceso civil telemático italiano como “un modelo a seguir” centrou a intervención de Iglesias que sinalou que este sistema permite unha xestión integral e integrada da documentación producida no ámbito de calquera procedemento contencioso civil en forma dixital ou telemática.
Para que España se achegue a este mellor funcionamento da xustiza, Iglesias apunta tres eixes fundamentais: “a tecnoloxía, a modernización da administración de xustiza e a descarga de traballo do xuíz no secretario”.
Por outra banda, ademais de coñecer os retos tecnolóxicos que os futuros xuristas terán que enfrontar, as xornadas abordan os cambios que na súa formación teñen a implantación do EEES e o dereito europeo.
Por último, da man de María José Bravo Bosch, profesora de Dereito Romano e tamén organizadora do curso, farase fincapé na importancia de que no novo EEES “a formación ten que ser máis práctica, menos teórica, e máis global, como corresponde a un novo marco europeo”. Nesta nova metodoloxía, a profesora salienta a importancia que terá na formación dos xuristas o uso das novas tecnoloxías, o traballo cooperativo informal e formal e a comunicación.

PUBLICIDADE