A feira GDC de San Francisco reúne até o venres a 12.000 profesionais do videoxogo

luns, 5 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Unha boa parte da materia gris que desenvolve hoxe en día videoxogos no mundo estará presente estes días en San Francisco (Estados Unidos), onde se vai celebrar até o día 9 a feira Game Developers Conference, que semella encamiñada a chegar a onde non puído ou non quixo chegar a E3 de Los Angeles (onde só hai espazo para 5.000 participantes). A GDC, que posiblemente sexa hoxe o evento máis salientable do sector en todo o eido internacional, vanse dar cita estes días arredor de 12.000 deseñadores, promotores e editores de videoxogos, cifra nunca antes acadada en ningún evento semellante sobre a materia e que confirma o bo estado de saúde dunha industria que semella moverse xa a golpe de cifras record (con beneficios de 12.500 millóns de dólares en EE UU e vendas en Xapón por valor de 625.800 millóns, ámbolos datos en 2006).
As previsións para este encontro profesional é de que se fale moito (se cadra de máis) da Wii de Nintendo e do seu anovador mando que é quen de detectar os movementos dos usuarios. Sexa como sexa, tamén se vai facer moito fincapé nunha cuestión que semella preocupar cada vez máis ós representantes da industria e, sobre todo, ós pais dos nenos e dos mozos que consumen videoxogos: a violencia a esgalla nos contidos. Así, tanto a organización como unha boa parte das empresas que acoden aproveitarán para falarlle ó mundo das vantaxes dos xogos que están no lado oposto da violencia: os que poñen a proba as nosas habilidades con xogos de palabras, estratexia ou actividades sociais. Este tipo de xogos, cada vez máis requiridos, están encamiñados a tirarlle punta ás vantaxes destes produtos e ó seu poder de convocatoria entre a mocidade, con todo o que de exercicio de agudeza mental poden achegar.

PUBLICIDADE