A fintech Fuell, impulsada polo compostelán Daniel Seijo, consegue un millón de euros en financiamento

luns, 14 de xuño do 2021 S. P.

A empresa Fuell, firma fintech para impulsar o aforro nas empresas co-impulsada polo compostelán Daniel Seijo, vén de dar un paso adiante na súa imparábel carreira no mercado internacional e na excelencia tecnolóxica. En concreto, foi quen de captar nesta tempada un millón de euros de financiamento, sendo o investidor maioritario K Fund, un dos fondos de startpus en fase semente máis relevantes do ámbito estatal.
No grupo de axentes financiadores de Fuell tamén se atopan Wayra, a aceleradora de Telefónica, The Venture City e FJ Labs, prestixioso fondo de Nova York que xa ten apostado por empresas tan sobranceiras como Stripe, Uber e Alibaba.
A inxección de capital destinarase a consolidación do mercado español, iniciar a expansión a outros mercados e a ampliar o equipo nas áreas de mercadotecnia, operacións, produto e tecnoloxía.
Para quen non o saiba, lembrar que Fuell ofrece importantes servizos tecnolóxicos para permitir aforros nas empresas do xeito máis cómodo, doado e seguro. Así, dende cinco euros ao mes por empregado pon ao servizo dos negocios unha solución para que calquera empresa poida facer o seguinte: despedirse das follas de gastos, deixar de perseguir tíckets e facturas, ter unha visión de conxunto das subscricións que paga o seu equipo en tempo real, conciliar os seus gastos automaticamente e moito máis. Ademais, ofrece a posibilidade de converter os tíckets en facturas de forma automática, para que a empresa recupere o IVE en máis de 100.000 restaurantes, taxis e estacionamentos.
A fintech galega traballa actualmente para empresas como Capchase, Payflow, Scalpers, Pompeii ou Aloha Poke.
“O noso obxectivo”, informan dende Fuell, “foi ofrecer unha ferramenta para ceibarnos do longo e arduo proceso que supón levar a cabo reportes de gastos corporativos, achegando unha solución para levar a cabo as ditas operacións de forma moito máis sinxela e controlada, tanto para o traballador como para a empresa”. Neste senso, Fuell dota aos empregados dunha tarxeta que lembra aos usuarios, no intre de levar a cabo unha compra, a necesidade de subir unha fotografía do tícket ou factura (“polo que non é a empresa a que debe estar pendente de que se faga”); e logo a plataforma sincroniza en dous clics os devanditos gastos co software contábel da compañía. Ademais, permite que se poidan categorizar de xeito automático como están configurados en programas de contabilidade como Holded ou Navision. Ao mesmo tempo, a empresa pode controlar a través da plataforma, en tempo real, o gasto dos empregados, facer un seguimento do mesmo e asignar controis de uso do cartón (tarxeta) por traballador. No caso de que algún necesite máis fondos, a empresa pódellos enviar para que os reciba de maneira instantánea.
Fuell ofrece ademais a posibilidade de converter os tíckets en facturas automaticamente para que a empresa recupere o IVE en máis de 100.000 estacionamentos, taxis e restaurantes (como Starbucks, Tagliatella, Manolo Bakes, etc). “Isto aforra tempo aos traballadores, que non teñen que agardar, por exemplo, a que se lles emita a factura a rematar o xantar nun restaurante”, explican dende Fuell.
Detrás de Fuell atópanse dous emprendedores cunha longa traxectoria dentro do mundo das novas firmas innovadoras: Daniel Seijo (fundador de Diariomotor e Que coche me compro?) e Eduardo Ortiz de Lanzagorta (co-fundador e director dunha plataforma de crowdfunding e director e responsábel de Desenvolvemento de Negocios de Owl-Systems, na incubadora Rocketspace en Silicon Valley).

PUBLICIDADE