A galega Primux presenta dúas torres de son para os seareiros da música máis esixentes

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Primux, o fabricante galego de dispositivos electrónicos, está a presentar estes días as súas novas torres de son, nas súas palabras “o mellor do mercado para os nosos ouvidos”. O lanzamento, que vén precedido do bo comportamento no mercado das torres TW01, consiste en dous novos modelos, o TW02 Bass e o TW03 Pro, acaidos para os seareiros esixentes da música e, tamén, das comodidades que brindan as novas tecnoloxías.
Así nolo explica a empresa con sede na Tecnópole: “Trátase de dous dispositivos que, amais de contar cunha calidade de son espectacular, son un axeitado complemento decorativo para o noso salón, integrándose á perfección como unha parte máis do mobiliario”.
Respecto do TW02 Bass, pon o foco, como se indica no seu nome, no poder dos seus baixos. De feito, é un aparello estético e funcional que, segundo sinala Primux, incorpora “un subwoofer inigualábel con capacidade para reproducir frecuencias sen distorsión para que gozarmos da nosa música sen atrancos”. En canto ás especificacións, o altofalante é de 160x130x1000 mm. Conta cunha potencia de saída de 60W e frecuencia de 50Hz-20KHz. En materia de conectividade, poderemos conectalo a través de Bluetooth, minijack 3.5mm ou USB. Tamén é posíbel introducir microSD ou conector RCA. E, se temos unha vertente máis clásica, podemos escoitar a radio “cunha incríbel calidade”.
No que atinxe á torre de son TW03 Pro, é un dispositivo que salienta polo seu elegante deseño e polas calidades de audio profesional que fornece, amais de pola súa comodidade. En materia de conectividade, é empregábel con Bluetooth ou, por medio de cable, con calquera dispositivo que teñamos a man, o que nos proporcionará “banda sonora para todo o día”. Incorpora mando a distancia para cambiar do noso dispositivo a radio FM integrada ou variar o volume.
En canto ás especificacións, o altofalante é de 120x180x1100 mm. Conta cunha potencia de saída de 60W e frecuencia de 50Hz-20KHz.
Centrándonos na conectividade, poderemos conectalo a través de Bluetooth, minijack 3.5mm ou USB. Tamén poderás introducir unha microSD ou conector RCA.

PUBLICIDADE