A galega R, a operadora mellor valorada polos usuarios

xoves, 22 de decembro do 2011 Raquel Noya

Segundo a última enquisa levada a cabo en España pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) para coñecer a opinión que temos do servizo que nos ofrecen as operadoras de Internet e telefonía, en xeral estamos moi descontentos con tódalas opcións das que dispoñemos, sendo“as compañías máis grandes do mercado as que saen peor paradas”.
E é que sexa cal sexa o noso contrato (Internet doméstico ou móbil), en España non estamos demasiado satisfeitos cos servizos que nos ofrecen as compañías, obtendo unha media de satisfacción moi inferior á de países como Bélxica, Italia ou Portugal.
O veredicto emitírono uns 5.846 socios da OCU entre febreiro e abril de 2011; todos eles teñen contratados un ou varios servizos de Internet e pasan unha media de 18 horas semanais conectados, polo que os resultados obtidos son bastante fiables e conforman unha radiografía a escala da realidade.
O 93 por cento dos enquisados teñen contratado Internet no fogar. Este é o tipo de conexión máis habitual e converteuse para os enquisados “nun servizo practicamente imprescindible, como o son a luz ou o gas”.
A nota global para Internet doméstico é de 56 sobre 100, segundo o ICO, “discreta pero superior á de Internet móbil”.
Os resultados obtidos por compañía son moi rechamantes: os operadores locais como R en Galicia, Telecable en Asturias ou Euskaltel no País Vasco reciben as mellores valoracións, e das grandes compañías só Jazztel se salva.
Vodafone queda no último posto debido a unha nota moi baixa en atención ao cliente e suspende tamén en servizo técnico, claridade nas facturas e relación calidade-prezo.
Desta maneira, R é a clara vencedora deste ranking de popularidade, con 75 puntos, seguida de Telecable, Jazztel, Euscaltel, Ono, Tele2, Ya.com, Orange, Movistar e Vodafone.
Visto o visto e comparando as nosas tarifas con relación ao servizo ofrecido, as nosas seguen a ser as máis caras de Europa, e niso si que somos líderes indiscutibles, ao ser tres veces máis caras que as de Portugal e Italia, por exemplo.
Conectarnos dende o teléfono móbil tampouco é unha experiencia satisfactoria para os usuarios do país, que lle dan aos provedores unha nota media global de 53 sobre 100: é dicir: aprobado raspado.
Atención ao cliente, servizo técnico e relación calidade-prezo son os “puntos negros” dunha modalidade de conexión para a que os operadores aínda non parecen estar preparados. Segundo as persoas enquisadas, “só a operadora Yoigo se distancia da mediocridade xeral”; unha velocidade de conexión superior á dos seus rivais e boas notas en atención ao cliente, cobertura e relación calidade-prezo, sitúana á cabeza dunha clasificación na que, como en Internet no fogar, naufragan as grandes Movistar e Vodafone : as calificadas como “as peores compañías”.
O acceso a Internet dende o móbil está a vivir un auxe especialmente intenso en España, onde, xunto aos países nórdicos e Luxemburgo, é o país europeo con maior porcentaxe de usuarios de Internet móbil, cun 13 por cento de persoas conectadas.
Xa que logo, e rematada a primeira avaliación do curso, a cualificación para Internet no fogar é dun aprobado raspado, e a de Internet no móbil un aprobado máis raspado aínda, polo que lle recomendamos aos pais e nais das operadoras nacionais que pasen a falar cos titores e miren de mellorar estas cualificacións no vindeiro trimestre.

PUBLICIDADE