A gráfica nVIDIA GeForce GTX 1080 fixa o novo teito para videoxogos e realidade virtual

luns, 9 de maio do 2016 Marcus Fernández

Coa chega da realidade virtual comercial aos PC tomaron grande relevancia as gráficas nVIDIA GTX 970, consideradas a configuración básica para poder funcionar con solucións como as Oculus Rift, deixando claro que xa había configuracións superiores (como as GTX 980 e as extraordinariamente potentes Titan X), pero o teito de potencia gráfica vén de elevarse considerablemente, xa que a pasada fin de semana nVIDIA presentou as novas gráficas GeForce GTX 1080, que achegarán a mellor experiencia tanto nos xogos como na realidade virtual.
As novas gráficas emprega a arquitectura de GPU nVIDIA Pascal, que chega a multiplicar por 3 a velocidade da xeración anterior (especialmente ao procesar realidade virtual), integrando tamén un sistema de refrixeración de alta calidade (que emprega tecnoloxía de cámara de vapor para disipar a calor), 8 GB de GDDR5X para o frame buffer, memoria a 10 Gbps cun largo de banda de 320 GB/segundo, 2.560 núcleos nVIDIA CUDA capaces de procesar até 9 TFLOPS, portos DisplayPort 1.4, HDMI 2.0b e DL-DVI, soportando unha saída gráfica de até 7.680 x 4.320 píxeles a 60 imaxes por segundo.
As novas gráficas tamén inclúe nVIDIA Ansel, unha tecnoloxía que permite que durante un xogo podamos tomar unha fotografía de altísima calidade que incluso pode ser equivalente a 32 veces o tamaño de pantalla empregado, á vez que tamén permitiría capturar imaxes de 360 graos cando esteamos a empregar un sistema de realidade virtual.
Estas novas gráficas comezarán a distribuírse a finais de mes a un prezo que parte dos 599 dólares, aínda que para usuarios menos esixentes a partires do 10 de xuño tamén estará dispoñible a GeForce GTX 1070, un pouco menos potente (até 6,5 TFLOPS) pero cun prezo máis axustado (parte dos 379 dólares).

Vídeo de presentación da nVIDIA GeForce GTX 1080

PUBLICIDADE