A gravadora Zoom H2n integra 5 micrófonos

martes, 12 de xullo do 2011 Marcus Fernández

As gravadoras Zoom veñen de dar un importante salto cara adiante coa nova H2n, que integra cinco micrófonos con calidade de estudio, o que facilita multitude de modos de gravación (4 canles, 2 canles, estéreo de 90 graos e MS estéreo, ou sexa, que permitiría recoller o son fronte ao micrófono cunha apertura axustable de entre 30 e 150 graos). A gravadora Zoom H2n conta cunha pantalla LCD de 1,8 polgadas, un altofalante e unha roda de control de ganancia; funciona ata 20 horas seguidas con 2 pilas AA, grava (tanto en WAV como en MP3) en tarxetas SDHC de ata 32 Gb, ten conectividade USB 2.0 para facilitar a copia dos ficheiros gravados ao ordenador (ou para utilizar o dispositivo como un micrófono USB), conta con entrada e saída de liña e toma para un mando a distancia por cable (incluíndo nun paquete de accesorios no que tamén hai un mini-trípode, un paraventos, unha funda de transporte e distintos cables).
Entre as funcións desta gravadora está a aplicación de filtros de paso baixo, compresor/limitador, ganancia automática, metrónomo, división de ficheiros e normalización de volume entre outras. Tamén conta cunha función de recuperación de datos para evitar erros de gravación inesperados.
Véndese con 2 pilas AA, unha tarxeta de memoria de 2 Gb e a aplicación informática Steinberg WaveLab LE 7.

PUBLICIDADE