A investigadora do CITIC Amparo Alonso lévanos este mércores ao futuro da Intelixencia Artificial

martes, 3 de decembro do 2019 Redacción

Este mércores 4 de decembro vaise falar de Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña, máis polo miúdo no Campus de Ferrol. O motivo? A inauguración do Ciclo de Conferencias 2019/20 da Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos que dirixen os profesores Ana Álvarez García e Fernando Lago Rodríguez.
A apertura das actividades contará coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, e o director de Navantia Ferrol, Jorge Filgueira.
Os sistemas intelixentes serán o fío condutor da primeira conferencia, que se celebra este mércores da man da catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC), Amparo Alonso Betanzos, que impartirá a primeira das catro sesións da cátedra, titulada Unha expedición cara o futuro da Intelixencia Artificial.
Alonso Betanzos coordina o Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial da UDC e, dende o ano 2012, preside a Asociación Española para a Intelixencia Artificial. No eido da investigación, a súa actividade céntrase no desenvolvemento e aplicación de técnicas de tecnoloxía intelixente en diversas áreas así como na Aprendizaxe Computacional e nas técnicas de Ciencias de Datos (Big Data). No ano 1998 recibiu o Premio L’Oreal –UNESCO For Women in Science en España, en 2004 o Premio Galicia TIC á Innovación e, por último, no ano 2019 o Premio Galicia TIC á Traxectoria Profesional.

PUBLICIDADE