A investigadora do CITIC Susana Ladra, finalista nos MSCA 2018

xoves, 27 de setembro do 2018 Redacción

Susana Ladra, investigadora principal do proxecto BIRDS (liderado polo centro CITIC da Universidade da Coruña), foi seleccionada como finalista nos Premios Marie Sklodowska-Curie Actions MSCA 2018, que gratifica aos investigadores máis prometedores entre os financiados cunha MSCA, e é outorgado pola Presidencia Austríaca do Consello da Unión Europea. Como lembraremos, o proxecto internacional BIRDS (Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design) está liderado por investigadoras e investigadores da área de Ciencias de Datos e Información do CITIC.
Está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941). No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal. BIRDS xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volumes de datos existentes en diferentes eidos de aplicación como a bioinformática ou a recuperación de información.
Polo que se refire ao papel xogado por Susana Ladra no dito certame, presentouse na categoría Bridging (career) paths, que premia aos receptores dunha MSCA con habilidades como mentalidade emprendedora ou vencello intersectorial, dada a colaboración do proxecto BIRDS coa empresa e a súa intención de realizar transferencia de coñecemento efectiva.
Segundo informa o centro coruñés, para optar ao premio, ademais duns CV, era necesario presentar un vídeo sobre o proxecto, que foi realizado polos servizos audiovisuais da UDC en colaboración co CITIC. O dez vídeos finalistas serán presentados durante a Conferencia MSCA 2018, que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de outubro en Viena (Austria), e serán os asistentes á conferencia quen escollerán os proxectos gañadores.

PUBLICIDADE