A mocidade galega xa pode activar o Carné Xove por vía electrónica

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

A mocidade galega pode activar dende este luns 21 de xuño o Carné Xove por vía electrónica, a través da activación dun formulario na Rede para que aquelas persoas que reciban o cartón por vez primeira e non poden desprazarse para poñelo operativo, teñan marxe para facelo dende as súas casas. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñíbeis.
Requisitos para a operación online
Se a activación se fai a través da Rede, a partir das 12.00 horas deste luns 21 de xuño habilitarase na web de Xuventude un formulario no que os novos usuarios terán que cubrir os seus datos. No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) ao correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné. Xuventude salienta que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea.
Recollida no Barbanza
Como dixemos, as oficinas municipais de información xuvenil (OMIX) de Boiro, Ribeira e Muros recollerán os carnés xove dos seus veciños e dos municipios da súa contorna para realizar o proceso de activación no Espazo Xove de Noia sen ter que pedir cita previa. Logo de activalos devolverase os carnés aos concellos para que cada usuario poida recollelos.


PUBLICIDADE