A multinacional Enterasys recoñece o labor da empresa galega Emetel

martes, 26 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Manuel Lago, director xeral da firma, nunha imaxe de Xornal

Emetel, empresa galega centrada na achega de sistemas de redes e comunicacións, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento á súa actividade. Trátase do Premio ao Mellor Partner Rexional en España, que vén da man da empresa Enterasys. O galardón foi dado a coñecer no transcurso dun evento profesional convocado por esta compañía, a Enterasys EMEA Advantage Partner Conference, un evento no que participan preto de 150 socios da empresa convocante, os principais directivos da mesma e un bo número de expertos en innovación, mercados TIC e novas tendencias.
Segundo informa Emetel, o recoñecemento salienta o labor feito pola firma galega como socio destacado da compañía estadounidense, que está á cabeza do panorama TIC internacional en materia de seguridade tecnolóxica, con servizos e achegas que a propia Emetel xa integrou e afianzou no seo de institucións e empresas como a Administración autonómica, Navantia ou Adolfo Domínguez. Segundo nos conta o xerente de Emetel, Manuel Lago, ao fío deste galardón e do que significa para a compañía galega, estamos a falar dun auténtico éxito. En primeiro lugar, comenta, “porque pon en valor o traballo que levamos desenvolvendo dende hai anos con eles, unha estreita colaboración que nos levou a empregar as súas solucións en proxectos de primeira liña para empresas e institucións galegas e, en segundo lugar, porque Enterasys é recoñecida polo sector como a empresa líder en solucións de seguridade tecnolóxica”.

PUBLICIDADE