A nVIDIA TITAN V achega 110 TFLOPS para deep learning e computación de altas prestacións

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A escalada de potencia de tarxetas gráficas de nVIDIA non cesa, e o novo teito queda fixado agora pola nova TITAN V, gráfica con arquitectura nVIDIA Volta que integra 21.100 millóns de transistores para conseguir unha potencia de 110 TeraFLOPS, o que supón un importante avance contendo o consumo enerxético grazas á súa nova arquitectura.
A nova gráfica está fabricada con tecnoloxía de 12 nanómetros, está equipada con 12 GB de memoria HBM2, integra 640 núcleos tensor e 5.120 núcleos CUDA e, con toda esa potencia non buscaría un bo rendemento en videoxogos, senón que perseguiría usos máis profesionais, para traballos con intelixencia artificial, deep learning e computación de alta prestacións, o que parece deixar claro o seu prezo de 3.100 euros.
A nVIDIA TITAN V comezará a enviarse aos compradores a partires do vindeiro día 30, confiando en que axude a impulsar avances en numerosos sectores grazas á potencia que achega para acelerar cálculos de deep learning, para o que nVIDIA tamén achega nVIDIA GPU Cloud, un catálogo de software optimizado para GPU para investigadores e científicos.

PUBLICIDADE