A nosa compañeira Laura de la Torre estréase pola parte grande na literatura infantil

luns, 7 de outubro do 2019 Redacción

A nosa compañeira Laura de la Torre, comunicadora, escritora e colaboradora de Código Cero, vén de publicar o libro infantil El pirata Pedro y el barco de las velas de cristal, lanzado pola Editorial Mr Momo e cuxo argumento xira arredor dunha familia de piratas, da que forma parte o gran protagonista do libro, o neno Pedro, que vive coa súa nai e cun ilustre representante do histórico gremio dos filibusteiros: o célebre Barbablanca. O libro ten 44 páxinas e foi ilustrado por Undiscover. Trátase, en palabras da escritora, “dunha historia de amor, superación e constancia”.
A Pedro, cóntanos Laura, o que máis lle gusta son as historias que conta o seu avó sobre o mar, os barcos e as aventuras nos océanos do mundo. De aí, de encher a cabeza do seu neto con contos de aventuras, a ver como Pedro se lanza á construción do que sería o navío máis rápido dos sete mares (un barco coas velas de cristal), non hai máis ca un paso. Segundo nos relatou a propia autora, “trátase dun libro feito co corazón” cuxo obxectivo é quitar da cabeza dos nenos a falsa crenza de que os soños son imposíbeis de converter en realidades: “Con este libro quero dicirlles que si que se pode, o único que precisamos é crer en nós mesmos, pór empezo, traballar e contar co amor da familia e dos amigos”.

PUBLICIDADE