A nostalxia domina a presentación de Sony durante o E3

martes, 16 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Tras moitas dificultades, por fin ve a luz The Last Guardian

A pasada madrugada dentro da feira E3 Sony presentou os plans de futuro para a súa PlayStation 4, desvelando bastantes novidades, e confirmando o lanzamento de numerosos xogos que nalgún caso levaban moitos anos sendo agardados polos xogadores, o que provocou grandes ovacións, aínda que a meirande parte das novidades faranse agardar incluso varios anos.
Lembremos por exemplo o xogo The Last Guardian, do que filtrárase un vídeo hai cinco anos, pero que continuaba sen ser confirmado por Sony até a pasada noite, cando desvelaron que esta obra do Team ICO encabezado por Fumito Ueda verá a luz en 2016 para PS4. Deste xeito remataron co ruxerruxe que apuntaba á cancelación deste problemático desenvolvemento (o propio Ueda deixou a compañía e continuou a traballar como asesor externo).
O xogo que quixo deixar ao público con ganas de máis, e que por desgraza non chegará a tempo para o Nadal, é Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, do que fixeron unha demostración en directo cunha épica fuxida en coche para demostrar a mestría de Naughty Dog á hora de ofrecer impresionantes secuencias de acción (e amosando así esta novidade na saga, que até o momento non incluída a condución de vehículos). Confírmase que o xogo chegará en 2016, pero aínda non dan unha data concreta.


Vídeo promocional do novo Uncharted

O agardado xogo de loita Street Fighter V farase agardar até primavera de 2016, pero para axudar ao seu desenvolvemento e mitigar a espera o 23 de xullo os usuarios de PlayStation 4 poderán participar nunha beta exclusiva que durará 5 días. Durante a presentación confirmouse a participación no xogo de Cammy e Birdie.
Outros xogos que se deixaron ver na conferencia de PlayStation foi a aventura de mundo aberto Dreams de Media Molecule, o RPG de acción Horizon Zero Dawn de Guerrilla Games, desvelouse Destiny: The Taken King de Bungie, presentouse Call of Duty: Black Ops III, amosáronse escenas de Star Wars: Battlefront... pero os grandes momentos do evento chegaron case ao final, cun aire nostálxico indubidable, como foi o anuncio de que Yu Suzuki comezaba unha campaña de micromecenado en Kickstarter para facer realidade Shenmue III en PlayStation 4 e PC, retomando así unha triloxía iniciada na Dreamcast e que leva 14 anos abandonada.
O obxectivo desta campaña é bastante modesto (2 millóns de dólares) e claramente insuficiente para facer o xogo realidade, polo que parece evidente que é unha estratexia promocional para un xogo de culto que quere ver a luz pese á oposición de SEGA, compañía que mantén os dereitos das dúas anteriores entregas. A poucas horas do lanzamento da campaña xa se superou o seu obxectivo inicial.
O outro grande anuncio nostálxico foi relativo á considerada como a mellor entrega da saga Final Fantasy, que incluso volveu a Steam hai un par de anos, e que non parece conformarse cunha remasterización, de xeito que confirmaron que están a traballar en Final Fantasy VII Remake, xogo que chegará en primicia a PlayStation 4, pero que previsiblemente tamén terá versións para Xbox One e PC.


Vídeo no que resumen a conferencia de Sony no E3

PUBLICIDADE