A nova Cam Link de Elgato soporta vídeo 4K

martes, 27 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Hai ano e medio a compañía Elgato estreou un accesorio chamado Cam Link, que conectado ao porto USB do noso equipo informático permite converter nunha webcam unha fonte de vídeo achegada por HDMI, pensando principalmente empregar unha cámara réflex, unha videocámara ou incluso unha cámara deportiva para captar a imaxe dun creador de contidos (coa vista posta en persoas que retransmiten partidas de videoxogos) con boa calidade e así poder inserila sen maior complicación na meirande parte das aplicacións de retransmisión de vídeo do mercado.
Este pequeno accesorio resulta de grande utilidade, xa que non é máis que unha capturadora de vídeo de alta definición que de cara ao ordenador é unha webcam, consumindo como único recurso do equipo informático un porto USB 3.0.
En vista da boa acollida que ten este trebello, decidiron actualizalo, de xeito que agora xa non se limite a resolucións Full HD, senón que a nova Cam Link 4K pode capturar vídeo en ultra alta definición a 30 imaxes por segundo e en Full HD a 60 imaxes por segundo, conservando sempre unha latencia moi reducida, de xeito que temos unha solución ideal para o vídeo en directo.
Este novo trebello non só mantén a aparencia externa do seu predecesor, senón que tamén conserva o prezo, de xeito que xa podemos atopar a Cam Link 4K a 129,95 euros, podendo converterse no complemento que algúns creadores de contido precisaban para dar o salto ao 4K nas súas producións de vídeo.

PUBLICIDADE