A nova cámara bridge de Panasonic incorpora gravación de vídeo 4K

xoves, 12 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Panasonic está a colocar no mercado unha cámara dixital de tipo bridge realmente atractiva, por sumar as últimas prestacións nun único dispositivo, xa que esta nova integrante da familia LUMIX, a DMC-Fz1000 está dotada cun sensor MOS de 1 polgada, alta sensibilidade e 20,1 Mpíxeles, que incluso é capaz de gravar vídeo en ultra alta definición (4K). A nova cámara podería disparar ata 50 fotografías por segundo, ampliar o seu rango ISO ata os 25.600 (para poder disparar fotografías en condicións con pouca luz) e incluso realizar capturas de 8 Mpíxeles mentres gravamos vídeo en 4K.
A Panasonic LUMIX DMC-FZ1000 conta cun obxectivo Leica de 16x equivalente a unha distancia focal de 25-400 milímetros, o que a converte nunha cámara válida para numerosas situacións. Tamén conta cun estabilizador óptico de imaxe de 5 eixes (o que contribúe a reducir o movemento durante as exposicións prolongadas), ten unha zona de agarre de grande tamaño e boa ergonomía, incorpora unha pantalla LCD de 3 polgadas e un visor OLED de 0,39 polgadas e grande definición e, para completar as súas grandes prestacións, incluso goza de Wi-Fi N e NFC, o que facilita a transferencia de imaxes, o control remoto e incluso a monitorización en tempo real dende un dispositivo móbil.

A nova cámara de Panasonic pode gravar vídeo 4K

PUBLICIDADE