A película Saw contará con videoxogo no outono

venres, 3 de abril do 2009 Marcus Fernández

A película de terror Saw supuxo toda unha revolución do xénero, o que a converteu nunha franquía de bastante éxito, que finalmente vai chegar aos videoxogos da man de Konami grazas a que mercou os dereitos da película a Brash Entertainment (compañía en bancarrota) e pretende chegar ás tendas para o outono, coincidindo coa estrea de Saw VI.
O xogo chegará para PC, PlayStation 3 e Xbox 360, e podería converterse nunha franquía de xogos independente das películas do mesmo nome, pero conservando ao carismático personaxe Puzzle, quen desenvolve auténticos enigmas que servirán para decidir o destino das súas vítimas.
O director de comercialización de Konami, David Daniels, asegurou que «algunhas das trampas terán unha tradución directa das películas, especialmente as máis representativas para os afeccionados», non dando máis detalles sobre o título, aínda que hai rumores de que o actor Tobin Bell continuará a pór voz a Puzzle tamén no videoxogo.
Con este xogo Konami continúa a tirar proveito dos survival horror, pero centrándose nesta ocasión nunha experiencia visual, mentres que con Silent Hill explotaban máis o terror psicolóxico.

As trampas máis icónicas das películas poderán verse no videoxogo
Saw ’Teaser’ trailer


Primeiro vídeo promocional do xogo

PUBLICIDADE