A planta galega de Ferrogloble, única produtora de silicio en España, mostrará a súa actividade no Industry Day de CITMAga
luns, 11 de maio do 2026
O CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) reunirá o vindeiro 22 de maio a investigadores matemáticos e a representantes de empresas nacionais e internacionais, que amosarán como as matemáticas están a resolver problemas actuais que afectan á industria. Será o XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day), que terá lugar na facultade de Matemáticas da USC. Entre as empresas participantes neste encontro atópase a compañía global Ferroglobe, dedicada á produción de silicio metal. “É líder no mundo occidental na produción de aliaxes en base a silicio e manganeso”, informa CITMAga.
Ferrogloble, engade o centro das tres universidades galegas, é o único produtor de silicio en España desde a súa fábrica de Sabón (Arteixo), sendo o silicio “unha materia prima fundamental que se emprega para a fabricación de aliaxes de aluminio, siliconas, chips, ánodos de baterías ou paneis fotovoltaicos”. Tamén fabrica outros produtos como ferromanganeso, ferrosilicio ou silicomanganeso, que axudan á industria a conseguir aceiros con propiedades especiais.
Trátase pois dun material clave e básico para a industria da informática e da electrónica.
A compañía, con máis de 3500 empregados en todo o mundo, está presente en de Europa, América, África e Asia, con máis de 50 fornos de produción en 26 emprazamentos diferentes, entre plantas de produción e minas propias. En Galicia conta cunha fábrica de silicio en Sabón -Arteixo-, onde se sitúa tamén o seu Centro de Innovación para todo o mundo, ademais de varias minas de cuarzo en diferentes puntos da nosa comunidade.
Desde os seus inicios, a planta galega de Ferroglobe realiza proxectos en colaboración cos departamentos de Matemáticas das tres universidades galegas e, en particular, cos investigadores do CITMAga. “Estes investigadores desenvolven modelos matemáticos que representan o comportamento electromagnético, termodinámico, hidrodinámico e estrutural dos fornos; o que lle permite á empresa simular e analizar o comportamento dos seus fornos en diferentes situacións”, salienta CITMAga, engadindo que estes modelos fan realidade que a compañía poida levar a cabo melloras que incrementen a eficacia e a produtividade dos seus fornos.

- Ramón Ordás, de Ferroglobe
“As matemáticas son fundamentais para mellorar os nosos procesos”, salienta Ramón Ordás, director global de financiamento público de Ferroglobe, engadindo que “contribúen a resolver problemas tanto nos seus fornos como no resto das súas instalacións, ao tempo que lles permiten desenvolver diferentes tipos de melloras na súa actividade”.
Entre os proxectos realizados en colaboración co CITMAga, Ordás destaca o desenvolvemento de modelos matemáticos para un forno industrial de purificación de silicio, que evitou ter que levar a cabo probas custosas e que requiren moito tempo. Coa ferramenta desenvolta polos expertos do CITMAga, Ferroglobe puido facer unha estimación moito máis fiable dos custos que supón construír e operar con fornos máis grandes. "Os matemáticos axudáronnos a establecer temperaturas, consumos de enerxía e materiais que debemos empregar para conseguir fornos de maior tamaño e eficiencia", sinala.
