A plataforma CloudPatient impulsada polo CITIC permite aos cidadáns xestionar por eles mesmos os datos da súa saúde

venres, 22 de maio do 2015 Redacción

Dicía Henry Ford que “o verdadeiro progreso é o que pon a tecnoloxía ao alcance de todos”. Sen dúbida, ese é un dos obxectivos que a industria tecnolóxica vén perseguindo desde hai anos e que, aos poucos, vai conseguindo. Mostra diso é a capacidade do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), impulsado pola Universidade da Coruña, de desenvolver proxectos no ámbito biosanitario, converténdose así nun referente estratéxico. O exemplo máis próximo témolo en Galicia, onde desde hai dous anos vén desenvolvendo unha ferramenta que permite que os cidadáns podamos xestionar por nós mesmos os datos relacionados coa nosa saúde, dunha maneira sinxela e segura. CloudPatient é o nome da solución desenvolvida.
A ferramenta vén da man dun consorcio de empresas, formado por SIVSA de Vigo, ALDABA da Coruña e IntellectiaBank, de Ourense, coa colaboración do CITIC e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).
O proxecto, que viu a luz grazas ao financiamento obtido a través o programa FEDER-Innterconecta, tradúcese “nunha plataforma que permite aos usuarios crear unha contorna na nube no que responsabilizárense dos seus datos e poder acceder a eles desde calquera lugar”, sinala Alejandro Pazos, investigador da Área de Intelixencia Artificial e Aplicacións do CITIC. Datos como o historial médico ou aqueles procedentes de diferentes biosensores, como os actuais wearables, pulseiras cuantificadoras de exercicio físico, básculas, tensiómetros, etc.-.
Javier Pereira, outra investigador da Área de Intelixencia Artificial e Aplicacións do CITIC, apunta que “unha das principais vantaxes de CloudPatient, ademais da disposición e accesibilidade dos datos, é que a plataforma está deseñada de tal maneira que actúa de forma intelixente, segundo o usuario, para propor contidos e pautas de actuación, en función dos datos rexistrados de cada paciente”.
O labor do CITIC dentro de CloudPatient desenvolveuse en base á definición do modelo e as necesidades dos usuarios para os tres escenarios seguintes: saúde mental, trastorno do espectro do autismo e persoas maiores e con patoloxías crónicas.
No primeiro contexto, o da saúde mental, os usuarios poden rexistrar actividades a través do seu teléfono móbil, de tal maneira que logo poidan ser avaliadas de maneira conxunta polo seu terapeuta ocupacional. Nesta liña, CloudPatient está a ser testado no Hospital de Día de Psiquiatría de Ferrol e o Hospital de Día de Psiquiatría da Coruña, onde obtivo unha gran acollida e ten vistas a ampliar o seu uso nun futuro próximo.
No escenario de nenos con trastorno do espectro do autismo, programáronse sistemas de avaliación a través do computador, grazas aos cales poden desenvolver diferentes roles sociais. Este colectivo foi de gran axuda á hora de ir definindo a plataforma, xa que o piloto foi probado pola Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da Coruña (ASPANAES), a Asociación LEVANTA (Psicoloxía e Fisioterapia Infantil e do lactante) e a Asociación Prol persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, ASPRONAGA.
Por último, no escenario concernente ás persoas maiores e con patoloxías crónicas, desenvolvéronse unhas propostas relacionadas coa vida saudable, a prevención de caídas, a alimentación, a xeolocalización con alarmas e un sistema automático que conecta a prescrición de fármacos a través da receita cun “pastilleiro electrónico”, que rexistra a toma dos fármacos nos tempos pautados. Neste aspecto, o piloto de CloudPatient puido probarse no Centro de día da Cruz Vermella da Coruña e no Centro xerontológico GERIATROS de Oleiros (A Coruña).
Por diante, queda desenvolvemento e a continuidade de pilotos que permitan, de maneira progresiva, ampliar a mostra de usuarios de CloudPatient. Para iso, CloudPatient continúa a procura de financiamento, mentres prosegue en paralelo a extracción e avaliación de resultados sobre a plataforma, da que podemos atopar máis información en cloudpatient.udc.es.

PUBLICIDADE