A plataforma da Ruta Modernista de Ferrol xa recibiu preto de 6.000 visitas

xoves, 2 de decembro do 2021 S. P.

A nova plataforma dixital da Ruta Modernista elaborada polo Concello recibiu en dous meses preto de 6.000 visitas. Trátase dunha ferramenta que recolle a nova listaxe de edificios do arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha (Vigo, 1882-Ferrol, 1981), en total 28, divididos nos 17 inmóbeis estritamente modernistas (entre 1909 e 1916), e os 11 dun estilo que evoluciona cara ao neoeclecticismo (entre 1918 e 1927).
Os folletos, dispoñíbeis nas oficinas de turismo e no Castelo de San Felipe, dispoñen dun código QR que leva a un mapa coa relación dos 28 edificios do arquitecto Rodolfo Ucha na cidade e información en texto e audio en galego, castelán e inglés. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou que as novas placas informativas estarán colocadas nas fachadas dos 28 inmóbeis antes das vacacións de Nadal. Tamén recordou que a nova plataforma presentouse a finais de setembro con motivo do Día Mundial do Turismo. Pódese acceder a ela de dúas formas: a través del código QR que se atopa nos novos folletos turísticos, dispoñíbeis nas oficinas de turismo de Ferrol e na recepción do Castelo de San Felipe, e visitando a páxina web turística Visit Ferrol. A edil destacou a “boa acollida” da nova ferramenta dende a súa posta en marcha e insistiu en que “proporciona información de gran calidade sobre los edificios de Ucha, tanto en texto como en audio-guía”. É, dixo, “unha plataforma que invito a visitar tanto a ferroláns como a visitantes”.
O código QR leva a un mapa dos 28 edificios deseñados polo arquitecto repartidos polo centro da cidade: Casa Antón, Casa Casteleiro, Casa López, Casa Romero Rodríguez del Villar, Peixaría do mercado central, Casa Borrás, Casa Granda, Banco da Coruña, o edificio do Correo Galego, Casa Rodríguez Trigo, Casa Pereira I e II, Fonda Suíza, Hotel Suízo, capela da Mercé, Casino Ferrolano, Casa Brañas, Casa Romero, fachada do Teatro Jofre, hotel Ideal Room, Casa Alberto Munduarte, Casa Bruquetas, Casa Vázquez, Casa Gil Azona, a Cociña Económica, Casa Rodríguez Fernández, Casa Díaz e o chalé de Sisto.
Martínez Montero tamén anunciou que as placas informativas estarán colocadas nas fachadas dos 28 edificios antes das vacacións de Nadal. Esta “será una terceira vía para acceder a información posto que cada sinal identificativa contará co código QR”. Serán de cor azul para os edificios modernistas e laranxa para os neoeclécticos, ao igual que se identifican no folleto e na plataforma.

PUBLICIDADE