A primeira expansión para The Witcher 3 chegará o 13 de outubro

martes, 8 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Co lanzamento de The Witcher 3: Wild Hunt dende CD Projekt RED anunciaron que o xogo contaría con dúas expansións: Hearts of Stone, que en outubro ampliaría a aventura en 10 horas; e Blood and Wine, que tería o dobre de duración, pero pola que haberá que agardar ao primeiro trimestre de 2016.
Finalmente hoxe confirman a data exacta na que os usuarios de PC, Xbox One e PS4 poderán gozar da expansión Hearts of Stone, que lanzarase o 13 de outubro, estando xa dispoñible nas respectivas tendas de descargas, e que volverá a meter ao xogador na pel de Geralt de Rivia, un cazador de monstros profesional contratado para derrotar ao capitán bandido Olgierd von Everec, que posúe o poder da inmortalidade.
Esta expansión incorporará a novos personaxes, poderosos monstros e unha historia totalmente nova que teceremos coas nosas eleccións.
Aparte de poder mercarse a expansión en descarga, tamén se porá á venda en soporte físico dun xeito un tanto curioso, xa que por 19,99 euros poderemos facernos cun código de descarga acompañado por un par de mazos de cartas (Monstros e Scoia’tael) e varias fichas de Gwynt, xogo baseado no mundo de The Witcher.

A expansión terá unha curiosa edición física

Tráiler da expansión Hearts of Stone

PUBLICIDADE