A provincia de Lugo, co-protagonista da nova tempada de O sabor das margaridas

luns, 23 de marzo do 2020 Redacción

O presidente e a deputada de Turismo visitando un día de rodaxe no Pazo de Adai, no Corgo

A Deputación de Lugo e os responsábeis da serie galega O Sabor das Margaridas, un dos grandes éxitos de Netflix de 2019, deron a coñecer este días máis detalles da súa segunda tempada, que aparecerá subtitulada na devandita plataforma de audiovisual en streaming en máis de 30 idiomas e que, ademais, incluirá unha notábel presenza de exteriores lucenses (por exemplo a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a propia cidade de Lugo). Segundo indicaron, seis capítulos da nova tempada foron rodados na provincia. Estes e outros datos foron dados a coñecer este domingo, coincidindo coa estrea desta nova entrega na TVG. A Deputación de Lugo colabora economicamente coa produción de O Sabor das Margaridas.
O presidente da Deputación, José Tomé, subliñou que colaborar con esta serie da produtora galega CTV supón “unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia”, amais “dun xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”. Tomé Roca tamén tivo palabras para salientar o potencial de produtos audiovisuais como O sabor das margaridas para axudarnos a superar a actual conxuntura de crise: “Esta promoción que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia unha vez superada a crise do coronavirus”.
Nova tempada
A nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. A serie, rodada en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix. Amais, é a sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.
O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

PUBLICIDADE