A pulseira Fitbit Force incorpora unha pequena pantalla OLED

xoves, 10 de outubro do 2013 Marcus Fernández

As pulseiras de monitorización da nosa actividade física diaria son unha tendencia emerxente que leva uns meses con bastante pulo, e tras o éxito das Fitbit Ultra e Flex anúnciase agora a Fitbit Force, unha pulseira moi delgada, que pode rexistrar a nosa actividade diaria e tamén facer un seguimento dos nosos ciclos de sono, e mesmo integra unha pequena pantalla OLED para poder acceder ás nosas estatísticas de actividade sen sacar o dispositivo do pulso.
A Fitbit Force rexistra os nosos pasos, a distancia que percorremos, as calorías que queimamos, os minutos de actividade, os pisos que subimos... e mentres durmimos pode axudarnos a saber como foi o noso descanso, contando tamén coa posibilidade de disparar alarmas silenciosas e en breve espera contar cunha opción para notificar cando recibamos unha chamada no móbil (aproveitando a conectividade sen fíos coa que conta o trebello).

A Fitbit Force pode empregarse para monitorizar a nosa actividade física

Esta nova pulseira presume de ser a primeira da súa categoría en capturar e amosar todas as súas estatísticas no pulso, así como poder sincronizarse de xeito automático e sen fíos con smartphones Android ou iPhone e co ordenador, para axudar a comprobar se cumprimos cos obxectivos que nos marquemos no noso día a día.
A sincronización sen fíos do Fitbit Ultra realízase por Bluetooth 4.0, o que no caso de dispositivos con Android é especialmente doado por contar con NFC (o que permite que se lanza a súa aplicación móbil con só por a pulseira en contacto co teléfono); é compatible coas notificacións intelixentes de iOS 7 (a partir do iPhone 4S), e inclúe un altímetro (que aproveita para facernos saber a cantidade de andares que subimos cada día). Un completo accesorio que sae á venda por 129,95 dólares nos EE.UU. (é de esperar que en breve estea dispoñible en España por 129,95 euros, tanto na páxina web de Fitbit como a través de numerosos distribuidores).

A pulseira pode rexistrar a nosa actividade física diaria

PUBLICIDADE