A pulseira Pokémon GO Plus chegará ao mercado o vindeiro día 16

xoves, 8 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O éxito de Pokémon GO foi moito maior que o esperado, e o accesorio previsto para o xogo, a pulseira Pokémon GO Plus, tivo que adiar o seu lanzamento ante a súa elevada demanda, pero finalmente Nintendo confirma que o vindeiro 16 de setembro teremos a pulseira en Europa, o que permitirá que os xogadores de Pokémon GO poidan enlazar o accesorio co seu smartphone con Android ou iOS a través de Bluetooth para recibir un aviso cada vez que hai un Pokémon ou unha Poképarada preto.
Mediante vibración e unha luz LED de cor verde saberemos da proximidade dun Pokémon, e para lanzarlle unha Poké Ball non será preciso sacar o móbil do peto, senón que chegará con premer o botón do novo accesorio, que pestanexará e vibrará no caso de que a captura fose realizada con éxito.
Cando a pulseira vibre e amose unha luz LED de cor azul saberemos que temos preto unha Poképarada, e con só premer o botón da Pokémon GO Plus recibiremos os obxectos da mesma.
A grande vantaxe de ambas funcións non é precisamente facilitar o control do xogo, senón o feito de que a pulseira pode funcionar coa aplicación de Pokémon GO en segundo plano, ou sexa, que non será preciso tela aberta coa pantalla acendida, o que reducirá o elevado consumo de batería deste célebre xogo.

Durante a presentación do novo Apple Watch anunciaron que o reloxo de Apple poderá realizar as funcións da nova pulseira (e moitas máis)

Cómpre salientar que este non será o único accesorio compatible co xogo, senón que durante a presentación do novo Apple Watch destacouse que Niantic está a preparar unha aplicación para o reloxo de Apple que non só facilitará as funcionalidades propias da nova pulseira, senón que tamén incluirá moitas outras funcionalidades.
Os interesados en facerse coa pulseira poden acudir xa á tenda en liña de Nintendo e pedir unha por 39,99 euros.

PUBLICIDADE