A quinta parte dos estudantes do remate de Primaria ten unha competencia TIC baixa

mércores, 24 de xullo do 2019 Redacción

O Grupo Stellae da Universidade de Santiago vén de radiografar os hábitos e a capacitación TIC do noso alumnado. Fíxoo a través do estudo Competencia dixital en estudantes de educación obrigatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de inclusión, realizado coa subvención do Ministerio de Economía e Industria. O obxectivo do traballo foi comprender o nivel de alfabetización tecnolóxica dos nosos menores de idade ao remataren Primaria, segundo explican as investigadoras Adriana Gewerc Barujel e Esther Martínez Piñeiro. No estudo reflíctese un dato preocupante que en certa maneira desmente (ou matiza) o mito dos nativos dixitais: vinte de cada cen estudantes de sexto curso de Primaria teñen unha competencia dixital baixa.
A partir da análise dos resultados dunha proba realizada entre 764 rapaces e rapazas de toda a Comunidade, o grupo de investigación da USC conclúe que “o 67% do alumnado posúe unha competencia de nivel medio, mentres que unicamente doce de cada cen alcanzan un nivel alto”.
Como explican as investigadoras da USC, de media o alumnado obtén na proba unha nota final de 6 nunha escala de 10 puntos, “se ben, atendendo aos coñecementos, o alumnado suspende en tres das cinco áreas analizadas”. Concretamente o alumnado suspendería en información (nota media de 4,8), creación de contidos (4,6) e resolución de problemas (4,8). Fronte isto as autoras do estudo sosteñen que é preciso incidir máis nun “mellor manexo de conceptos coñecemento competenciais básicos”.
Pola contra, as puntuacións máis altas (por riba de 7,5) están relacionadas coas actitudes do alumnado en todas as áreas da competencia dixital, “especialmente na de seguridade e comunicación”.

PUBLICIDADE