A rapazada do CEIP Juan Fernández Latorre mergúllase nas tecnoloxías avanzadas do CITIC

venres, 10 de xuño do 2022 S. P.

Este xoves 9 de xuño, os centros de investigación innovadores da UDC no Campus de Elviña (o CITIC, o CICA e o CITEEC), recibiron a visita de alumnado de 5º de Primaria do CEIP Juan Fernández Latorre (A Coruña) como premio da iniciativa Atrévete a pescudar con elas!, organizada pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña.
Preto de 50 nenas e nenos, acompañados por tres profesoras, visitaron os tres centros devanditos. No CITIC, acudiron ao Demostrador Tecnolóxico para coñecer proxectos de robótica e probar contornas de Realidade virtual desenvolvidas por persoal investigador do centro. Pola súa banda, o CICA ofreceu obradoiros nos que mostrar as liñas de traballo do centro, e no CITEEC o alumnado realizou unha visita polas instalacións e laboratorios.
Atrévete a pescudar con elas! é unha iniciativa na que investigadoras da UDC mostran a súa traxectoria científica e vital, logros profesionais e anécdotas coa finalidade de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica. Thais Pousada, do CITIC, é unha das investigadoras que participaron no vídeo dirixido a escolares de Primaria, que se pode ver xa online.

PUBLICIDADE