A rapazada xa pode participar no certame fotográfico #Eusonpilabot

martes, 18 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O traballo galardoado de Luis Vázquez García

Xa está en marcha a segunda edición do certame fotográfico #Eusonpilabot, cuxa finalidade é encher as redes de imaxes comprometidas co medio e coa economía circular (a que se renova a si mesma) e concienciar ás nenas e nenos na necesidade de reciclar e facer unha recollida selectiva das pilas, das baterías e dos acumuladores. O concurso, que vén da man da Consellería de Medio Ambiente, está dirixido ao alumnado dos centros que se adhiran ao programa Pilabot: un total de 150 centros galegos (62 de Pontevedra, 54 da Coruña, 19 de Ourense e 15 de Lugo).

A imaxe premiada de Aldán Treviño Rey

Os nenos que participen deberán presentar unha imaxe feita por eles que ilustre as vantaxes (medio ambientais, creativas) de recoller selectivamente pilas e reciclalas. Nas bases especifícase que nas fotos deberá figurar a caixa individual de recollida de material que se entregan nos centros.
Entre todas as fotografías recibidas realizarase unha selección das obras finalistas por parte dun xurado interno, e estas serán publicadas a través da web www.pilabot.gal e das redes sociais para someterse a unha votación pública, de maneira que as tres máis votadas recibirán premio (unha tableta, un altofalante bluetooth ou unha pulseira fitness).
Para achegar unha foto, os/as interesados/as deberán cubrir o formulario de inscrición en https://pilabot.gal/eusonpilabot, aceptar as bases legais, poñer un título á fotografía e achegar o arquivo que desexen presentar. O prazo de presentación de candidaturas abriuse este luns 17 de febreiro e e ficará en activo ata o día 8 de marzo.

A proposta creativa, tamén premiada, de Sara Temprano Cotelo

A campaña Pilabot, que neste ano é a segunda edición, púxose en marcha pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor, Ecopilas, ERP e Ecolec.
A campaña inclúe, ademais do concurso fotográfico, a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito nos contedores específicos.
O reto da presente edición é superar os bos resultados acadados durante a primeira convocatoria do concurso Pilabot (2018/2019), na que se recolleron, entre todos os centros participantes, preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas.

PUBLICIDADE