A rede de FTTH de Movistar chega xa a máis do 95% das unidades inmobiliarias de Ourense

venres, 12 de agosto do 2022 S. P.

JPEG - 118.3 KB
Ourense nunha imaxe de Tripadvisor

Telefónica vén de facer balance da súa presenza en Ourense en materia de fibra óptica FTTH (siglas de fibra até o fogar). Segundo fai saber a operadora, o 95% das unidades inmobiliarias do municipio de Ourense (vivendas unifamiliares, locais, oficinas, edificios de vivendas, etc) están xa conectadas á dita tecnoloxía de Movistar.
Este fito, engade a compañía, logrouse grazas “a un intenso traballo” por parte dos equipos de despregamento de rede de Movistar e aos plans de extensión desta infraestrutura, como o Plan de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBANG) e o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (Único-Banda Larga), impulsados ambos polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
A despregadura da rede de fibra, centrada agora nas áreas máis rurais e orograficamente máis complexas, continuará polo menos até decembro do 2023, cando a operadora ten previsto alcanzar case o 96,5 por cento das unidades inmobiliarias de Ourense. As máis apartadas, ás que sexa imposíbel conectar por FTTH, poderán dispor de banda larga vía radio ou satélite.
Os fogares conectados por FTTH poden gozar xa da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de forma simultánea e sen reducir a velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, a operadora destaca que “se o usuario dispón de MovistarPlus+ terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet, ademais de conseguir a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede”.

PUBLICIDADE