A retransmisión do Campionato Mundial de League of Legends superou os 32 millóns de espectadores

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Imaxe das finais do Campionato Mundial

A moitos pode resultarlles curioso que existan xogadores profesionais de videoxogos, e que ás competicións oficiais cheguen a denominalas deportes electrónicos (eSports), pero hai datos que poden axudarnos a entender nalgúns países iso non é así, como o feito de que as finais do Campionato Mundial de League of Legends conseguise superar a barreira dos 32 millóns de espectadores, con máis de 8,5 millóns de espectadores simultáneos nalgún momento, o que supón un espectacular incremento de audiencia fronte a edición do ano pasado (que só conseguira chegar aos 1,1 millóns de espectadores simultáneos).

Chae Piglet Gwang-Jin foi o mellor xogador do Campionato, sendo integrante do equipo gañador (SK Telecom T1 K)

Esta competición que xuntou a milleiros de afeccionados en Corea do Sur nun espectáculo que podería rivalizar con outros encontros deportivos demostrou tamén que as plataformas de vídeo a través da Internet poden competir coas canles de televisión tradicionais, xa que a retransmisión do campionato realizouse en directo a través de Twitch. Tamén deixa claro que as marcas que acadan as retransmisións en directo a través de YouTube de eventos como a voda real británica ou os Xogos Olímpicos vense claramente eclipsados por contidos máis propios da Rede, como os videoxogos.

As partidas de League of Legends conseguen congregar a millóns de espectadores

PUBLICIDADE